Estoume decatando de que isto de compartir blog é bastante semellante a compartir piso: sempre hai quen pasa os traballiños todos e quen non a raña nada. Eu, como podereres comprobar, son do segundo tipo…
Pero para que non pensedes que son unha completa nugallá, vou intentar xustificarme un pouco: a culpa é diso que dan en chamar Proceso de Boloña que, entre outras cousas, serve para que os universitarios non poidamos ter vida fóra da facultade. Supoño que a estas alturas case todo o mundo oíu falar del, aínda que ninguén sabe moi ben de que vai a cousa, xa que parece que non é preciso informarnos de algo que vén da UE, porque claro, iso é palabra de Deus…
Eu, despois de todo o que oín e lin nestes últimos anos, cheguei á conclusión de que a cousa non pinta nada ben. Suponse que a idea da que se parte é a de crear un Espazo Europeo de Educación Superior, de xeito que os diferentes sistemas educativos da UE sexan máis ou menos parecidos. Así evitaríase ter que andar homologando titulacións e, en teoría, sería máis fácil a mobilidade laboral dentro de Europa.
A idea, vista así, non parece mala de todo, pero a súa posta en práctica xa é outra cousa: por unha banda, suponse que para que nos sexa máis doado atopar traballo aos futuros titulados, habería que cambiar completamente o sistema para que na universidade se nos formase como lles interesa ás empresas. Isto, que pode parecer unha vantaxe, ao que realmente pode levar (e está levando) é a que sexan as empresas as que controlen as universidades, de xeito que se xa agora a forma de transmitir os coñecementos non é alá moi imparcial, imaxinádevos como pode ser a cousa se temos que escoitar nas aulas o que lles interesa ás multinacionais…
De tódolos xeitos, iso é o de menos, cun pouco de espírito crítico é un problema doado de atallar. O peor son os condenados créditos ECTS, que xa sufrimos moitos. Suponse que se trata de menos teoría e máis práctica, é dicir, chapar menos pero aprender a manexar os recursos que necesitemos. De novo estamos perante unha idea que non soa mal, pero na práctica é un absoluto desastre. En primeiro lugar, suponse que hai unha parte de traballo presencial e outra de non presencial, o que leva consigo unha redución das horas de clase, sen embargo na maioría dos casos impártense as horas de clase equivalentes ao número total de créditos e, ademais, tes que pasar media vida facendo traballos que che fan perder moito tempo sen gañar coñecementos ningúns. Non esquezamos tampouco que a asistencia a clase é obrigatoria para poder aprobar calquera materia, e se a iso lle sumamos que o profesorado non está en absoluto preparado para este sistema, imaxinádevos o que nos queda…
Todo isto, como é evidente, fai imposible que alguén poida estudar e traballar á vez, ademais as taxas non paran de subir e que a contía das bolsas segue sendo practicamente a mesma (e non teñas un mal ano que como non aprobes practicamente todo, alá vai a bolsa). E bo é que de momento aínda hai bolsas, porque despois serán créditos-bolsa, é dicir, xa estaremos endebedados desde que entremos na universidade. Conclusión? aquí só poderán estudar os que estean dispostos a traballar unha burrada tendo que pagar por iso, é dicir, os ricos. Se xa as universidades están agora baleiras abondo, dentro duns anos non quedará ninguén. Aínda que supoño que tampouco interesa que a xente estude…
Teño que recoñecer que eu aínda son dunha xeración que se foi zafando de todo isto e só sufro os ECTS parcialmente. Chéganme moito para estar estudando unha carreira de letras (que non é que as infravalore, pero non me quería ver nunha carreira técnica con créditos ECTS…) Por iso, porque sei que podía ser peor, supoño que tampouco teño tanta escusa para non escribir. Así que será mellor que admita que son algo nugallá…




Comentarios recentes